Amosando publicacións coa etiqueta RECURSOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RECURSOS. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de abril de 2024

Punto Laranxa contra o acoso escolar no IES A Sardiñeira

 Dende a volta das vacacións da Semana Santa, podedes atopar unha caixa laranxa na planta baixa do centro, que funciona a modo de correo, e a través dela poderás comunicar ou denunciar situacións de acoso escolar ou ciberacoso.


Ante o acoso escolar, tolerancia cero.

mércores, 12 de abril de 2023

PRESENTACIÓN OFICIAL DO EQUIP(AZ)O DE MEDIACIÓN NO CENTRO

O venres 31 de marzo, "peche" oficial da 2ª avaliación e previo ás merecidas vacacións do noso alumnado, o noso equip(az)o de mediación presentouse oficialmente perante as diferentes aulas do centro. 

En cada unha delas informaron do sentido desta iniciativa de convivencia, como unha vía para resolver os conflitos entre iguais dunha maneira non coercitiva ou sancionadora. Presentaron a mediación como unha ferramenta de xestión positiva dos conflitos, baseada nos principios da confidencialidade, imparcialidade e o respecto entre iguais como eixos clave do proceso.

Non menos importante foi informar da súa función como alumnado "axudante", que centrará a súa atención, nos tempos de lecer, en previr o xurdimento de conflitos, mediar nos que poidan iniciarse, e colaborar para que ninguén se encontre só neste tempo de descanso e esparcemento. 

Neste sentido, aproveitaron para amosar a nova iniciativa do centro ao redor dos "Recreos Dinámicos", que comeza a súa andaina o 11 de abril, en diferentes localizacións segundo a actividade que se vai desenvolver (baile, manualidades, xogos de mes, lecer científico, xadrez... e máis que virán!)

Aproveitamos a mañá para inmortalizar a súa participación na vida do centro mediante a confección dunha orla propia, coa colaboración imprescindible de Carlos de Paz, que, incansable, aguantou a mañá completa buscando para cada un/ha o noso mellor perfil. 

Foi un día moi importante para sentar as bases dun futuro máis conciliador e democrático no instituto... E, por que non dicilo, unha xornada chea de alegría, risas... e algún que outro nervio!






mércores, 18 de xaneiro de 2023

CADERNO DO MEDIADOR/A


SOLICITUDE DO PROCESO DE MEDIACIÓN

Antes de falar do “noso conflito” que imos tentar solucionar coa asistencias das mediadoras, recoñecemos participar voluntariamente e comprometémonos a respectar a confidencialidade de todo o que falemos, a tratarnos en todo momento con respecto, a non empregar unha linguaxe ofensiva, a gardar a quenda de palabra e a ser sincero/a. Se chegamos a un “acordo-compromiso”, escribirémolo e asinarémolo.

Aceptamos que o dito compromiso sexa entregado polas mediadoras á persoa responsable da Convivencia e Benestar Emocional do centro, que será a encargada de levar o seguimento do seu cumprimento.





A Coruña, _______ de ________________________ de 20___











luns, 16 de xaneiro de 2023

HABILIDADES E ESTRATEXIAS EMPÁTICAS DA MEDIACIÓN

 

HABILIDADES E ESTRATEXIAS EMPÁTICAS DA MEDIACIÓN

A mediación como método pacífico e voluntario na xestión de conflitos coa axuda dunha/s terceira/s persoa/s imparciais e neutrais require cooperación, respecto, diálogo... polo que é mester ter moi presentes unha serie de habilidades e estratexias empáticas.

De seguido enumeramos algunhas que poder ser de axuda no proceso: 

  • Linguaxe non verbal e paraverbal positivas: ton de voz suave, expresión facial acolledora, postura corporal receptiva e contacto visual.
  • Facer preguntas e amosar interese: favorecer que as partes falen.
  •  Reformulación: tradución do dito pola outra parte eliminando ataques e connotacións negativas, pero sen reducir as críticas.
  • Clarificación: aclarar, pedir máis información, preguntar.
  • Parafraseo: amosar que comprendemos a situación, verificar, repetir ideas e feitos.
  • Resumo: repetir as ideas e puntos máis importantes, destacar aspectos positivos e puntos de acordo, estruturar e ordenar.
  • Reflexo: amosar que se entenden os sentimentos. Facer ás partes conscientes do que senten.
  • Recontextualización: a través dunha pregunta circular ou condicional ideal xérase un contexto novo, facilitando ao cambio na perspectiva do conflito.
  • Evitar: interrompir, xulgar, contar a propia historia, quitar importancia, ridiculizar...


xoves, 15 de decembro de 2022

FASES NA RESOLUCIÓN DUN CONFLITO

 

FASES NA RESOLUCIÓN DUN CONFLITO

O proceso de xestión dun conflito desde a súa xestión ata a súa resolución mediante un órgano de mediación escolar, divídese nas seguintes 5 fases:

1. Avaliación do conflito

Unha vez que detectamos unha situación conflitiva, sexa pola observación dalgún membro do equipo mediador ou por algunha solicitude externa, debemos valorar se o caso pode ser tratado mediante unha mediación ou, pola súa gravidade, ten que ser directamente sancionado ou debe ser tratado por outra vía.

2. Sesión informativa. Preparación previa da mediación

Despois de decidir o equipo que vai participar nas reunións, onde debe primar a confianza mutua, débense establecer unhas normas de obrigada aceptación.

 3. Sesión individual

Recollida de información con cada parte. Escoitar as distintas versións do conflito, investigar o caso e recompilar probas sen tomar parte, polo momento, a favor dunha ou doutra parte.

4. Sesión conxunta. Compartir ideas para a resolución do conflito 

Entre todos os membros del grupo de mediación débense achegar propostas de resolución do conflito. Nesta fase é fundamental favorecer a cooperación, intentando que as partes afectadas sexan capaces de chegar a acordos concretos.

4. Chegar a un consenso

A idea é pactar, entre todos os implicados, un acordo consensuado que sexa satisfactorio, no posible, ás dúas partes. É moi importante deixar os puntos moi claros, cunha folla de seguimento onde consten, de maneira moi clara e polo miúdo, con datas concretas, as accións que se deben realizar.

5. Seguimento e autoavaliación

Por último, aconséllase que, pasado un tempo prudencial, as persoas afectadas e a/as persoa/s mediadora/s volvan ter un encontro para valorar en que momento se atopa o conflito. Nesta revisión debemos incidir no que funcionou e no que non e, se for mester, formularanse outras pautas de actuación. A mediación pode rematar preguntando en que os axudou e que grao de incidencia tivo para a resolución do conflito.

mércores, 14 de decembro de 2022

GUÍA PARA DIRIXIR O PROCESO DE MEDIACIÓN

 

GUÍA PARA DIRIXIR O PROCESO DE MEDIACIÓN


A mediación dá ferramentas á rapazada para a abordar os posibles conflitos, axuda a regulación e expresión de emocións e sentimentos, comunicación sen violencias, espírito de cooperación, responsabilidade, pensamento reflexivo, creativo... para acadar estes obxectivos é mester guiar o proceso dunha forma clara e estruturada.

Sirva a seguinte relación de preguntas como unha posible guía do procedemento.

FEITOS

· Como comezou todo?

· Que sucedeu despois?

· Que pensabas naquel momento?

· Que pensas agora do que pasou?

· Cal é a túa relación coa outra persoa?

· Quen se viu afectado/a por estes feitos?

· Como lle afectaron?



SENTIMENTOS

· Como te sentes agora respecto dos feitos que sucederon?

· Como te sentiches durante as situacións que aconteceron?

· Como te sentes despois de falar disto?

· Que foi o máis difícil para ti?



NECESIDADES

· Que necesitas ti para estar ben?

· Que cres que pode necesitar a outra persoa?

· Que pasaría se non atopamos ningunha solución?



PETICIÓNS

· Que podes facer ti para mellorar esta situación?

· Que che gustaría pedirlle á outra persoa?

· Que solucións se che ocorren que poderían funcionar para que todo estivese ben?



REFLEXIÓN. Preguntas que deberíamos traballar ante u proceso de mediación a nivel indivual. Eu e o conflito, que podo facer para mellorar esta situación.

· Que me enfada?

· Que me entristece?

· Que me incomoda?

· Que me fai desconectar?

· Como é a miña combustibilidade?

· Que sinto cando teño que xestionar un conflito propio?

· E cando acontece na aula ?

· Que conflitos do pasado xestionei dun xeito que valoro como positivo?

· Con que ferramentas contos para a xestión de conflitos?

· Que conflitos da aula non consigo xestionar como me gustaría?

· Por que?

· Que me podería axudar?

Buzón para a mellora da convivencia e o benestar

Buzón para a mellora da convivencia e o benestar de Libia