mércores, 12 de abril de 2023

OBRADOIROS DE IGUALDADE CO ALUMNADO DE 1º ESO



    No mes de marzo, tiveron lugar no centro diversas sesións de traballo co alumnado de 1º da ESO. Neste proxecto, enmarcado no Plan Coruña Educa, búscase potenciar a creatividade da rapazada por medio do uso de ferramentas atractivas e de natureza lúdica.

    Buscamos acadar os seguintes obxectivos:

  • Identificar e analizar cuestións relacionadas coa (des)igualdade, sexismo e violencia de xénero presentes nalgúns contos, banda deseñada, música, publicidade, curtas etc., promovendo que eles e elas cren as súas propias historias.
  • Identificar crenzas, roles e estereotipos que condicionen as súas actitudes e comportamento nas relacións interpersoais.
  • Contribuír a unha sociedade onde primen valores de respecto, tolerancia e igualdade en relación coas diferenzas por razón de sexo, imaxe, orixe, raza, costumes culturais, capacidades físicas, intelectuais, identidade e orientación sexo-afectiva etc.
  • Promover unha visión analítica, crítica e non estereotipada sobre a diversidade existente.
  • Analizar a publicidade dun modo crítico, desenvolvendo a conciencia de como inflúe no consumo, analizando como condiciona a selección de produtos e como inflúe nas actitudes e condutas, segundo o sexo.
  • Identificar formas de influír na contorna máis próxima, empoderando as e os mozos como protagonistas do cambio social.
  • Reivindicar a riqueza da linguaxe oral e escrita non sexista para comunicarse.
  • Facilitar coñecementos e técnicas que favorezan que o alumnado poida plasmar e facer realidade as súas propostas de modo gráfico ou artístico (deseñando as súas propias historias, ilustracións, guións, seleccionando exteriores, realizando gravacións).

PRESENTACIÓN OFICIAL DO EQUIP(AZ)O DE MEDIACIÓN NO CENTRO

O venres 31 de marzo, "peche" oficial da 2ª avaliación e previo ás merecidas vacacións do noso alumnado, o noso equip(az)o de mediación presentouse oficialmente perante as diferentes aulas do centro. 

En cada unha delas informaron do sentido desta iniciativa de convivencia, como unha vía para resolver os conflitos entre iguais dunha maneira non coercitiva ou sancionadora. Presentaron a mediación como unha ferramenta de xestión positiva dos conflitos, baseada nos principios da confidencialidade, imparcialidade e o respecto entre iguais como eixos clave do proceso.

Non menos importante foi informar da súa función como alumnado "axudante", que centrará a súa atención, nos tempos de lecer, en previr o xurdimento de conflitos, mediar nos que poidan iniciarse, e colaborar para que ninguén se encontre só neste tempo de descanso e esparcemento. 

Neste sentido, aproveitaron para amosar a nova iniciativa do centro ao redor dos "Recreos Dinámicos", que comeza a súa andaina o 11 de abril, en diferentes localizacións segundo a actividade que se vai desenvolver (baile, manualidades, xogos de mes, lecer científico, xadrez... e máis que virán!)

Aproveitamos a mañá para inmortalizar a súa participación na vida do centro mediante a confección dunha orla propia, coa colaboración imprescindible de Carlos de Paz, que, incansable, aguantou a mañá completa buscando para cada un/ha o noso mellor perfil. 

Foi un día moi importante para sentar as bases dun futuro máis conciliador e democrático no instituto... E, por que non dicilo, unha xornada chea de alegría, risas... e algún que outro nervio!






Buzón para a mellora da convivencia e o benestar

Buzón para a mellora da convivencia e o benestar de Libia