mércores, 12 de abril de 2023

PRESENTACIÓN OFICIAL DO EQUIP(AZ)O DE MEDIACIÓN NO CENTRO

O venres 31 de marzo, "peche" oficial da 2ª avaliación e previo ás merecidas vacacións do noso alumnado, o noso equip(az)o de mediación presentouse oficialmente perante as diferentes aulas do centro. 

En cada unha delas informaron do sentido desta iniciativa de convivencia, como unha vía para resolver os conflitos entre iguais dunha maneira non coercitiva ou sancionadora. Presentaron a mediación como unha ferramenta de xestión positiva dos conflitos, baseada nos principios da confidencialidade, imparcialidade e o respecto entre iguais como eixos clave do proceso.

Non menos importante foi informar da súa función como alumnado "axudante", que centrará a súa atención, nos tempos de lecer, en previr o xurdimento de conflitos, mediar nos que poidan iniciarse, e colaborar para que ninguén se encontre só neste tempo de descanso e esparcemento. 

Neste sentido, aproveitaron para amosar a nova iniciativa do centro ao redor dos "Recreos Dinámicos", que comeza a súa andaina o 11 de abril, en diferentes localizacións segundo a actividade que se vai desenvolver (baile, manualidades, xogos de mes, lecer científico, xadrez... e máis que virán!)

Aproveitamos a mañá para inmortalizar a súa participación na vida do centro mediante a confección dunha orla propia, coa colaboración imprescindible de Carlos de Paz, que, incansable, aguantou a mañá completa buscando para cada un/ha o noso mellor perfil. 

Foi un día moi importante para sentar as bases dun futuro máis conciliador e democrático no instituto... E, por que non dicilo, unha xornada chea de alegría, risas... e algún que outro nervio!






Ningún comentario:

Publicar un comentario

PRESENTACIÓN DA CANCIÓN SIGNADA POLO ALUMNADO DE PC, FÁBRICA DE LUZ (A BANDA DA LOBA)

Cartaz presentación video LS de Veronica