Etiquetas

Amosando publicacións coa etiqueta EXPERIENCIAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EXPERIENCIAS. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de maio de 2024

A EXPOSICIÓN "AS LETRAS NA SARDIÑEIRA"

    No equipo de Convivencia e Benestar Emocional temos a certeza de que traballo colaborativo e as dinámicas grupais son determinantes para acadar positivos resultados. 

     Neste caso as letras foron o eixo arredor do cal xirou o noso traballo. Convivir é compartir, colaborar, cooperar, participar, sumar...e cando todos nós asumimos ese rol, este é o resultado!!
Exposición As letras na Sardiñeira de Libia

domingo, 7 de abril de 2024

CONVIVINDO COA UNIVERSIDADE DE VIGO NO CAMPUS DE PONTEVEDRA

O pasado mércores 03 de abril, tivemos a oportunidade de visitar o Campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo. Acompañamos ao alumnado de Bacharelato na visita, e foi unha experiencia moi enriquecedora.

Presentación de Recuerdos de Viajes Álbum de Recortes Beige de Veronica


Unha vez máis, a organización da actividade recoñece ao noso alumnado, felicitándonos polo seu comportamento e actitude na actividade. Orgullosas como docentes!

PUNTO LARANXA CONTRA O ACOSO ESCOLAR NO IES A SARDIÑEIRA

 Dende a volta das vacacións da Semana Santa, podedes atopar unha caixa laranxa na planta baixa do centro, que funciona a modo de correo, e a través dela poderás comunicar ou denunciar situacións de acoso escolar ou ciberacoso.


Ante o acoso escolar, tolerancia cero.

luns, 26 de febreiro de 2024

PROXECTO DE INCLUSIÓN EN 1º ESO


Desde o Departamento de Orientación e o Equipo de Convivencia e Benestar Emocional do IES A Sardiñeira apostamos pola inclusión no noso centro como cerne da convivencia. 

O grupos de 1º ESO están moi implicados e son moi activos no desenvolvemento destas dinámicas. 

Xa queda menos para ver os resultados.... de seguro que vai merecer a pena a espera!




domingo, 25 de xuño de 2023

ENTREGA DE ORLAS AO EQUIPO DE MEDIACIÓN

O presente curso está piques de rematar, e con el o excelente traballo desenvolvido polos 15 integrantes do equipo de mediación. Traballaron arreo ata a última semana do curso, semana que pechamos coa derradeira sesión de mediación. 

O centro e as docentes responsables do equipo quixemos recoñecer a calidade do seu traballo, a implicación na súa realización e o entusiasmo no seu desempeño cun pequeno acto de entrega de orlas e posterior celebración na cafetería do centro coa degustación dun suculento almorzo, que con tanto agarimo nos prepara Diego. 

Parabéns, equipo!!! Imos coller folgos no verán e en setembro volvemos con máis enerxía e novas vías de actuación... 

Na Sardiñeira hai equipo!!!













martes, 6 de xuño de 2023

O ALUMNADO DE 6º EP VISITA O INSTITUTO

O pasado venres 2 de xuño, o alumnado do CEIP Wenceslao Fernández Flórez e do CEIP José Cornide Saavedra, viñeron visitarnos ao centro. Na xornada, o alumnado mediador exerceu de guía da visita, ofrecéndolles consellos para sobrelevar a nova etapa académica, ao tempo que os compañaron na visita polas diferentes instalacións.

Como non pode ser doutro xeito, a mañá tivo o seu peche de ouro na cafetaría, cos riquísimos bocatas de tortilla que nos fai Diego, e no patio, no que compartiron algúns minutiños cos seus futuros compis!

O certo é que foi unha mañá fermosa! Agardo que para eles e elas fose tan agradeble como para nós! (Pensamos que si, porque algún quería quedar xa no centro....)

Grazas aos nosos estimados/as mediadores e mediadoras!!!








domingo, 7 de maio de 2023

POESÍA E GRAFFITI NO EQUIPO DE MEDIACIÓN

No eido da Semana Cultural que estamos a celebrar no noso instituto, tivemos a ben agasallar ao noso alumnado mediador e ao alumnado axudante da biblioteca cunha actividade dirixida por Dores Tembrás, que forma parte do grupo Apiario, para profundizar e partillar curiosidades arredor do mundo poético. 

Esta achega ao universo poético realizouse reparando nunha forma de comunicación representada por unha linguaxe que resulta moi próxima á xuventude actual: as pintadas nas rúas. 

Nesta xornada, a nosa rapazada aprendeu a analizar esas pintadas de corte poético reparando nas figuras retóricas, no espazo no que están feitas, nas súas grafías, na necisidade da brevidade como característica esencial, na precisión e nas constelacións poéticas, entre outros aspectos. 

É mester salientar a excelente acollida que tivo a dita actividade. A estas alturas do curso as emocións están a flor de pel e con tanta sensibilidade como eixo temático é e foi lóxico que deixaramos escapar algunhas bágoas. 








 

mércores, 15 de febreiro de 2023

COMEZA A ANDAINA DO NOVO EQUIPO DE MEDIACIÓN


Hoxe, 15 de febreiro de 2023,  catro dos nosos novos mediadores puideron pór en marcha as dinámicas adquiridas durante a recente etapa de formación, nas dúas mediacións realizadas no centro. 

O traballo foi conxunto, o equipo de  mediadores e as partes en conflito recorreron a estratexias de comunicación (escoita activa, interese real por axudar a resolver...) e competencias socioemocionais, nas que a empatía tivo un papel primordial. Estas dinámicas contribuíron dun xeito fundamental á solución dos conflitos de maneira pacífica e dialogada. 

Ambas partes, mediadores e alumnado en conflito, coincidiron na reflexión final; cualificaron a sesión de forma positiva. 

Seguiremos recorrendo a esta ferramenta para abordar futuros conflitos, xa que consideramos que favore o espírito de cooperación; responsabilidade; pensamento reflexivo, creativo e crítico e contribúe, dunha maneira directa, á regulación e expresión das emocións e dos sentimentos do noso alumnado. 

Estamos e seguiremos a traballar a prol da transformación pacífica de conflitos!!

Continuaremos xerando espazos de convivencia pacífica no noso centro!!




martes, 7 de febreiro de 2023

VISITA Á USC



O pasado 2 de febreiro, catro profesoras do centro e moito do alumnado de Bacharelato visitaron as diferentes facultades da USC, guiados polo alumnado-titor desa universidade, que os acompañou e informou sobre as características dos diferentes estudos ofertados nos distintos campus. Recibíronos cun agasallo nas residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións.

Dividíronse en dous grupos, cada un para un dos campus (Norte e Sur), para coñecer a oferta educativa de cada sector. Entre as facultades e escolas escollidas, estaban as de Ciencias da Educación; Medicina e Enfermaría; Bioloxía, Química, Farmacia, Económicas e Empresariais, Matemáticas ou Psicoloxía.

O alumnado puido vivenciar a vida na Universidade, o día a día, e aprender algunha cousa nova, como a nova ubicación dos estudos de Educación, que pasarán a desenvolverse todos no campus Sur, na facultade de Ciencias da Educación, ou que as saídas dos estudos de Económicas e Empresariais son moito máis amplas do que nun principio podían agardar.

Non menos importantes resultaron as informacións "oficiosas" que algún deles recibiu sobre a "outra vida universitaria, pero deixarémolo para outra ocasión...