mércores, 12 de abril de 2023

OBRADOIROS DE IGUALDADE CO ALUMNADO DE 1º ESO



    No mes de marzo, tiveron lugar no centro diversas sesións de traballo co alumnado de 1º da ESO. Neste proxecto, enmarcado no Plan Coruña Educa, búscase potenciar a creatividade da rapazada por medio do uso de ferramentas atractivas e de natureza lúdica.

    Buscamos acadar os seguintes obxectivos:

  • Identificar e analizar cuestións relacionadas coa (des)igualdade, sexismo e violencia de xénero presentes nalgúns contos, banda deseñada, música, publicidade, curtas etc., promovendo que eles e elas cren as súas propias historias.
  • Identificar crenzas, roles e estereotipos que condicionen as súas actitudes e comportamento nas relacións interpersoais.
  • Contribuír a unha sociedade onde primen valores de respecto, tolerancia e igualdade en relación coas diferenzas por razón de sexo, imaxe, orixe, raza, costumes culturais, capacidades físicas, intelectuais, identidade e orientación sexo-afectiva etc.
  • Promover unha visión analítica, crítica e non estereotipada sobre a diversidade existente.
  • Analizar a publicidade dun modo crítico, desenvolvendo a conciencia de como inflúe no consumo, analizando como condiciona a selección de produtos e como inflúe nas actitudes e condutas, segundo o sexo.
  • Identificar formas de influír na contorna máis próxima, empoderando as e os mozos como protagonistas do cambio social.
  • Reivindicar a riqueza da linguaxe oral e escrita non sexista para comunicarse.
  • Facilitar coñecementos e técnicas que favorezan que o alumnado poida plasmar e facer realidade as súas propostas de modo gráfico ou artístico (deseñando as súas propias historias, ilustracións, guións, seleccionando exteriores, realizando gravacións).

PRESENTACIÓN OFICIAL DO EQUIP(AZ)O DE MEDIACIÓN NO CENTRO

O venres 31 de marzo, "peche" oficial da 2ª avaliación e previo ás merecidas vacacións do noso alumnado, o noso equip(az)o de mediación presentouse oficialmente perante as diferentes aulas do centro. 

En cada unha delas informaron do sentido desta iniciativa de convivencia, como unha vía para resolver os conflitos entre iguais dunha maneira non coercitiva ou sancionadora. Presentaron a mediación como unha ferramenta de xestión positiva dos conflitos, baseada nos principios da confidencialidade, imparcialidade e o respecto entre iguais como eixos clave do proceso.

Non menos importante foi informar da súa función como alumnado "axudante", que centrará a súa atención, nos tempos de lecer, en previr o xurdimento de conflitos, mediar nos que poidan iniciarse, e colaborar para que ninguén se encontre só neste tempo de descanso e esparcemento. 

Neste sentido, aproveitaron para amosar a nova iniciativa do centro ao redor dos "Recreos Dinámicos", que comeza a súa andaina o 11 de abril, en diferentes localizacións segundo a actividade que se vai desenvolver (baile, manualidades, xogos de mes, lecer científico, xadrez... e máis que virán!)

Aproveitamos a mañá para inmortalizar a súa participación na vida do centro mediante a confección dunha orla propia, coa colaboración imprescindible de Carlos de Paz, que, incansable, aguantou a mañá completa buscando para cada un/ha o noso mellor perfil. 

Foi un día moi importante para sentar as bases dun futuro máis conciliador e democrático no instituto... E, por que non dicilo, unha xornada chea de alegría, risas... e algún que outro nervio!






martes, 21 de marzo de 2023

FASE DE PRODUCIÓN DO EQUIPO DE MEDIACIÓN

Seguimos medrando... Estamos a lle dar voltas ao noso maxín, para perfilar as vindeiras liñas de actuación do Equipo de Mediación. 

Desta volta estivo a bulir no noso imaxinario como enfocar as presentacións culturais do centro, a xornada de recepción dos novos compañeiros, o noso logo, a análise e revisión das mediacións realizadas, as futuras liñas de actuación do equipo na vida do centro...

As responsabilidades e obrigas académicas non merman o interese e a implicación do noso alumnado con respecto ao proxecto que están a construír!! 
Grazas ás moreas!!
Equipo de Mediación en fase de produción (marzo 2023) de Libia Equipo de Mediación en fase de produción (marzo 2023) de Libia

mércores, 15 de febreiro de 2023

COMEZA A ANDAINA DO NOVO EQUIPO DE MEDIACIÓN


Hoxe, 15 de febreiro de 2023,  catro dos nosos novos mediadores puideron pór en marcha as dinámicas adquiridas durante a recente etapa de formación, nas dúas mediacións realizadas no centro. 

O traballo foi conxunto, o equipo de  mediadores e as partes en conflito recorreron a estratexias de comunicación (escoita activa, interese real por axudar a resolver...) e competencias socioemocionais, nas que a empatía tivo un papel primordial. Estas dinámicas contribuíron dun xeito fundamental á solución dos conflitos de maneira pacífica e dialogada. 

Ambas partes, mediadores e alumnado en conflito, coincidiron na reflexión final; cualificaron a sesión de forma positiva. 

Seguiremos recorrendo a esta ferramenta para abordar futuros conflitos, xa que consideramos que favore o espírito de cooperación; responsabilidade; pensamento reflexivo, creativo e crítico e contribúe, dunha maneira directa, á regulación e expresión das emocións e dos sentimentos do noso alumnado. 

Estamos e seguiremos a traballar a prol da transformación pacífica de conflitos!!

Continuaremos xerando espazos de convivencia pacífica no noso centro!!




martes, 7 de febreiro de 2023

VISITA Á USC



O pasado 2 de febreiro, catro profesoras do centro e moito do alumnado de Bacharelato visitaron as diferentes facultades da USC, guiados polo alumnado-titor desa universidade, que os acompañou e informou sobre as características dos diferentes estudos ofertados nos distintos campus. Recibíronos cun agasallo nas residencias Monte da Condesa e Burgo das Nacións.

Dividíronse en dous grupos, cada un para un dos campus (Norte e Sur), para coñecer a oferta educativa de cada sector. Entre as facultades e escolas escollidas, estaban as de Ciencias da Educación; Medicina e Enfermaría; Bioloxía, Química, Farmacia, Económicas e Empresariais, Matemáticas ou Psicoloxía.

O alumnado puido vivenciar a vida na Universidade, o día a día, e aprender algunha cousa nova, como a nova ubicación dos estudos de Educación, que pasarán a desenvolverse todos no campus Sur, na facultade de Ciencias da Educación, ou que as saídas dos estudos de Económicas e Empresariais son moito máis amplas do que nun principio podían agardar.

Non menos importantes resultaron as informacións "oficiosas" que algún deles recibiu sobre a "outra vida universitaria, pero deixarémolo para outra ocasión...








luns, 30 de xaneiro de 2023

A VALORACIÓN FINAL DO PROXECTO DE MEDIACIÓN


  • Número de casos para os que se solicita mediación
  • Número de mediacións que son solicitadas desde o equipo directivo do centro
  • Número de mediacións que son solicitadas polo alumnado
  • Número de mediacións que son solicitadas polas familias
  • Número de mediacións que son solicitadas polo propio alumnado
  • Número de casos que foron resoltos mediante mediación

PROGRAMA DE FORMACIÓN EN MEDIACIÓN ESCOLAR NO IES A SARDIÑEIRA

 

Obxectivos E CONTIDOS de Libia